Recomendación: Sally Heathcote, Sufragista. K. Charlesworth, Bryan Talbot, Mary M. Talbot


Púrpura, branco e verde. Tres colores representan á National Women’s Social and Political Union, unha liga de mulleres extraordinarias que loitaron por conquistar dereitos humanos que no contexto ríxido e clasista da Inglaterra eduardiana brillaban pola súa ausencia.

Sally  Heathcote é unha traballadora doméstica ao servizo de Emmeline Pankhurst, unha das fundadoras do movemento. A proximidade desa contorna comprometida e militante irá concienciando á moza na causa sufragista, que reclama o dereito ao voto para as mulleres. A desobediencia civil, a estratexia política, a aprendizaxe da acción directa e a reivindicación a pé de rúa van ditar a traxectoria feminista de Sally, que non dubidará en enfocar a súa vida como unha carreira de obstáculos pero tamén de grandes logros para as xeracións futuras.

Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot constrúen unha historia apaixonante sobre a lealdade, a coraxe e a dignidade dun grupo de mulleres que lograron abrir, no ámbito laboral, social e educativo, unha serie de portas que estiveran sempre pechadas.






Comentarios