Moi perto de nós temos a Biblioteca de Montealto, a biblioteca do noso barrio, que conta con sala infantil e xuvenil e sala de lectura de adultos, así como con zona de conexión wifi e ordenadores.
Compartimos convosco as súas últimas adquisicións, as do mes de decembro. Atoparedes entre elas algúns dos libros de lectura obrigatoria para as vosas clases.
A continuación delas podedes ver tamén unha guía de libros con ideas para mercar agasallos de Nadal, clasificados por idades que pode resultar moi útil para as familias.
Vereda do Polvorín 2, 3º. 15002 - A Coruña
Tlfno. 981 184 382.- Ext. 46083/46084
bmontealto@coruna.es
@bibcoruna
Un ano máis, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración co Equipo da Biblioteca, convoca o concurso para elaborar un marcador de libros. Aquí tedes as bases para participar. Animádevos!
Grazas aos grupos de Apoio de 2º ESO B con Ángeles, Tecnoloxía de 2º ESO A con Rebeca, Valores Éticos de 1º ESO B con Xisela e Volume de 1º de BAC con Juan.
Grazas ás profesoras que sacastes o mellor de vós e tempo de onde non o temos, nestes días tan ocupados, para sumarvos cos vosos talentos e as vosas ideas.
Compartimos con vós unha interesante canle de Youtube, Academia Play, un innovador proxecto educativo, especializado en formación, aprendizaxe, entretemento e educación gratuíta en vídeos de 1 a 15 minutos.
Academia Play é unha plataforma interactiva que nace como un ambicioso proxecto educativo baseado na formación a través do formato audiovisual. Mediante breves vídeos de carácter didáctico expóñense feitos históricos, curiosidades, temas de actualidade, cinema, arte, deporte, música ou ciencia. Especializánse en vídeos de Historia, pero atoparás máis cousas nesta canle.
Máis información na súa páxina web.
Sempre é un momento para visitar unha exposición de arte, escoitando o mar de fondo. E Afundación pónnolo fácil nestes tempos a través das visitas virtuais á súa galería de arte. Neste caso, invítanos a visitar a exposición Mirar de nuevo. La mujer frente al tiempo. Podes visitar exposicións anteriores aquí e a súa colección permanente aquí.
A galega Alba Cid ven de acadar o importante Premio Nacional de Poesía Joven 2020 pola súa obra Atlas (Galaxia). O xurado do premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte e dotado con 20.000 euros, considera que a obra constrúe "unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo. É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”. Á súa vez, tamén destacou que é unha obra “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía”.
Cid é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. Participou en volumes como Poética dá casa (2006) e na antoloxía de Apiario Non seu despregar (2016). Publica textos de creación e recensións en revistas como Graal, Luzes, Tempos Novos e Dorna, (de cuxo consello de redacción forma parte) e é colaboradora de Radio Galega. Ao longo da súa traxectoria gañou o Rosalía de Castro de Cornellà (2006, 2008) e o Minerva (2007), entre outros galardóns. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués, e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a- Day, unha serie web da Academy of American Poets. Actualmente está a cargo do Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford.
Este ano máis que nunca é moi importante para nós compartir contigo os novos libros que van chegando á biblioteca e destacar algúns dos que temos. Agardamos que algún deles che "encha o ollo" e che apeteza levalo a casa en préstamo. Recorda que podes solicitar calquera deles a través do correo electrónico adormiprestamo@gmail.com e farémoscho chegar.
Desde o novo espazo da barra lateral do blog podedes acceder á lista de películas que temos na biblioteca. Moitas delas están aínda en proceso de catalogación, que este curso, como podedes imaxinarvos, estase facendo moi lentro e traballoso.
Recordade que podedes levalas en préstamo solicitándoas desde o correo electrónico adormiprestamo@gmail.com, indicando o voso nome e apelidos e curso.
O XI día da Ciencia en Galego, dedícase este ano á botánica e as saúde. IGACIENCIA organiza todas as actividades que podedes ver nos enlaces que amosamos a continuación:
XI día da Ciencia en Galego: Ano da Botánica e da saúde
Novas sobre Ernesto Viéitez Cortizo
Recordade que desde aquí e desde a icona de barra lateral podedes acceder a todos os contidos relacionados que poñen á nosa disposición desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares.
Desde esta biblioteca reivindicamos as librarías de proximidade, espazos que van máis alá da venda de libros, transformándose en motores culturais da comunidade. Librarías con profesionais que entenden a literatura como algo non supeditado ás modas. Libreiros e libreiras que consiguen o imposible, que nos axudan a conformar unha colección rigorosa nas nosas bibliotecas. Librarías que son espazos de acubillo para alumnado e familias, con múltiples actividades compartidas.
Nós somos de Cascanueces, de Nobel, de Lume, de Formatos, de Moito Conto, de Sisargas, de Couceiro, de Berbiriana, de Xiada... E ti, de que libraría vés sendo?
Na plataforma de lectura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, GaliciaLe, conmemoraron o Día das Letras Galegas 2020 que este ano se celebrou o 30 de outubro, cando se cumpren 110 anos do nacemento de Ricardo Carvalho Calero. Ademais do carrusel de obras "Ricardo Carvalho Calero", atoparás novidades editoriais e novas películas, ás que se irán engadindo máis títulos.
Desde aquí podes acceder ao seu catálogo de libros en galego.
Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.
Foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, quen buscou insistentemente colaboracións de fóra de Galicia para darlle á revista unha dimensión europea. O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense e alí publicaríanse ata o número 15, despois pasaría a ter a súa administración na Coruña e Santiago de Compostela, na sede da Editorial Nós. A dirección postal da revista estivo sempre no domicilio de Risco.
A revista, unida ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do galego e levalo dos usos orais ata a alta cultura. Ata a publicidade que a acompañaba era totalmente en galego. Tentouse tamén que o deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, polo que Risco deixou a Castelao como responsable artístico.
Trataba esencialmente dous ámbitos distintos: por unha banda o descubrimento da identidade galega e doutra banda a presentación das ideas que ían aparecendo en Europa. Para este fin exploráronse as culturas europeas que se consideraban máis próximas á galega: a irlandesa e a portuguesa.
Algúns dos colaboradores da revista foron Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Manuel Lesteiro, Luís Manteiga, Ramón Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Emilio Pita, Vicente Risco, Lois Tobío Fernández, Alfonso Vázquez Martínez, Teixeira de Pascoaes (portugués), Phileas Lebesgue (francés).
Este vídeo corresponde á Exposición no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, Galicia, de Nós a nós.
Máis aló de días de obrigada conmemoración, todos os días do ano temos que homenaxear o traballo da muller en moitos campos, como o da literatura, a ciencia e as artes.
Este ano temos de novo traballando connosco á escritora Blanca Riestra, que ven de ser galardoada co prestixioso premio Ateneo de Novela, na súa LII edición, polo libro Últimas noches del Edificio San Francisco. Podes ler a noticia na prensa aquí e aquí. Recordemos que xa no 2001 gañou o Ateneo Joven de Sevilla, coa súa novela La canción de las cerezas e o Torrente Ballester no 2015 con Greta en su laberinto.
Estes últimos libros e o resto da súa bibliografía podedes levalos en préstamo a través da nosa biblioteca.
Hai moitas películas que falan de bibliotecas, de bibliotecarios e de libros. Seguro que moitas delas sóanche:
CADEA PERPETUA (Frank Darabont, 1994)
O protagonista da película, é acusado de asasinar á súa esposa e ao seu amante, por iso, é condenado a cadea perpetua. Durante a súa estancia no cárcere comezará a frecuentar a biblioteca e decidirá participar de forma activa na mellora da mesma (ampliación de fondos, acondicionamento de instalacións). Con iso logrará crear unha nova biblioteca dotada de mobiliario, material audiovisual ... conseguindo que a biblioteca se converta nun "programa de traballo social na biblioteca" e nun centro de alfabetización. A importancia do filme, radica na imaxe que dá da biblioteca como centro social.
ALMORZO CON DIAMANTES (Blake Edwards, 1961)
Na película, á protagonista ensínaselle o funcionamento dunha gran biblioteca, a consulta dos ficheiros manuais, os datos que hai que encher na folla de petición. Toda unha mostra de como levar a cabo a formación de usuarios.
O ANO DAS LUCES (Fernando Trueba, 1993)
Acabada a guerra civil española, dous irmáns son enviados a un colexio de acollida para ser educados e alimentados. Un dos irmáns, acudirá á biblioteca do colexio para preparar o bacharelato. Nesta ocasión, a biblioteca preséntase como un mero escenario no desenvolvemento da película.
O NOME DE LA ROSA (Jean-Jacques Annaud, 1986)
En pleno século XIV, comézanse a suceder unha serie de misteriosos asasinatos nunha abadía de dominicos. William de Baskerville, é un monxe franciscano que se atopa de paso na abadía co seu mozo axudante, decide investigalos. A investigación levaralle á biblioteca da abadía e aos libros contidos nela.
O SONO ETERNO ( Howard Hawks, 1946)
Neste filme, un detective privado é contratado para resolver un caso de chantaxe. No transcurso da investigación, acode a unha biblioteca en busca de información sobre libros valiosos por conter certas erratas. Novamente, atopámonos con que a biblioteca asume o seu rol de centro de información.
HARRY POTTER
Nas catro películas, que narran a vida académica do mozo meigo Harry Potter, rescátase a imaxe da biblioteca como espazo misterioso, lugar de iniciación e descubrimento.
FAHRENHEIT 451 (François Truffaut, 1966)
A trama da película desenvólvese nunha sociedade onde as autoridades non queren as bibliotecas e quéimanas, buscando bibliotecas particulares moi escondidas. Entón xorde unha sociedade na cal cada un dos seus membros apréndese de memoria un libro e ese personaxe é coñecido polo titulo do libro.
INDIANA JONES E A ÚLTIMA CRUZADA (Steven Spielberg, 1989)
A procura do seu pai que se atopa desaparecido mentres seguía a pista do Santo Graal, obriga a Indiana Jones a comezar a seguir as pistas que foi deixando o seu pai ao longo das súas investigacións. Ditas pistas conduciranlle a unha biblioteca onde obterá máis pistas sobre o paradoiro do Santo Graal e polo tanto do seu pai.
A HISTORIA INTERMINABLE III (Peter MacDonald, 1994)
O prezado libro de "A historia interminable" é roubado, e o protagonista terá que recuperalo, para salvar Fantasía do bestial, para iso será axudado polo bibliotecario. Na película destácase a importancia da lectura para a formación dos mozos, á vez que se ofrece unha visión da biblioteca escolar.
MATILDA (Danny de Vito, 1996)
O mundo de Matilda son os libros e a biblioteca. Nos libro, ela atopa todo aquilo que a súa familia non pode darlle.
TESE (Alejandro Amenabar, 1996)
Trátase dunha das primeiras películas españolas nas que aparecen escenas en bibliotecas e vaise modernizando a imaxe de bibliotecario, presentan unha biblioteca moderna e dinámica. Nesta liña atopámonos tamén a películas como Ao límite, ou O dominio dos sentidos.
SEVEN (David Fincher, 1995)
O papel da biblioteca nesta película é o de ser un espazo de procura dalgún dato que axude a desvelar a identidade do asasino. O detective estuda na biblioteca uns libros para comprender o patrón que segue o asasino da película. En Seven aparecen dous elementos bibliotecarios cruciais para facer progresar a trama. O primeiro deles, a investigación dentro da biblioteca, mentres que o segundo parecía pertencer á paranoia norteamericana de ser investigados e vixiados polo Goberno de Estados Unidos .
XA ES UN GRAN MOZO (Francis Ford Coppola, 1996)
Un axudante bibliotecario, que traballa na o biblioteca pública de Nova York, xunto co seu pai, un conservador de incunables, veranse envolvidos nun continuo enredo entre libros e persoal bibliotecario.
Compartimos con vós os vídeos da campaña de recomendacións da Xunta de Galicia para saír desta situación de pandemia con sentidiño. No blog do instituto podedes ver o que gravou Xosé Antonio Touriñán para desexarnos bo curso.
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.
via BESCGAL
Hai uns días faleceu o debuxante Quino e non queremos deixar de rendirlle homenaxe desde aquí.
Quino debuxou viñetas de gran calidade artística e profundidade política e social. Pero quizáis todos nós o recoñezamos sobre todo por ser o creador dun dos personaxes máis queridos por todos, a intelixente e lúcida Mafalda.
O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A V Edición celébrase este ano 2020 o 19 de outubro baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres". "Ben se podería dicir que a literatura escrita por mulleres está a miúdo esporeada por unha conciencia esencial do esforzo.", explica Elvira Lindo, comisaria desta V Edición do Día das Escritoras 2020.
Neste enlace podes atopar textos de escritoras galegas, como o que vos amosamos a continuación:
"Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisbles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente poque non se ve. Así facemos nosoutras."
Eva Mejuto "Memoria do silencio" (Editorial Xerais)