Galicia, de Nós a nós
Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.
Foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, quen buscou insistentemente colaboracións de fóra de Galicia para darlle á revista unha dimensión europea. O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense e alí publicaríanse ata o número 15, despois pasaría a ter a súa administración na Coruña e Santiago de Compostela, na sede da Editorial Nós. A dirección postal da revista estivo sempre no domicilio de Risco.
A revista, unida ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do galego e levalo dos usos orais ata a alta cultura. Ata a publicidade que a acompañaba era totalmente en galego. Tentouse tamén que o deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, polo que Risco deixou a Castelao como responsable artístico.
Trataba esencialmente dous ámbitos distintos: por unha banda o descubrimento da identidade galega e doutra banda a presentación das ideas que ían aparecendo en Europa. Para este fin exploráronse as culturas europeas que se consideraban máis próximas á galega: a irlandesa e a portuguesa.
Algúns dos colaboradores da revista foron Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Manuel Lesteiro, Luís Manteiga, Ramón Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Emilio Pita, Vicente Risco, Lois Tobío Fernández, Alfonso Vázquez Martínez, Teixeira de Pascoaes (portugués), Phileas Lebesgue (francés).
Este vídeo corresponde á Exposición no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, Galicia, de Nós a nós.
Comentarios
Publicar un comentario